Gustoulle e mercouno para regalarllo á súa sobriña. Asi que, abusando un pouco máis, díxenlle que me contara a súa reacción.
Que mellor que coñecer a opinión da destinataria final!
Reproduzo a continuación o comentario que me mandou Santi e anímovos a opinar, porque poderá haber múltiples opinións sobre o tema e todas son interesantes para min:
"Pois ben, como che comentara íache transmitir a opinión da miña sobriña sobre o conto. Dixo que lle gustara moito: "porque tiña que pensar" e porque "lle gusta escribir contos". Creo que di moito en tan poucas palabras. Na escola xa non existe practicamente espazo para crear algo propio, para atreverse a voar por un intre nun mundo de fantasía compartida, así que ela é quen de analizar esa gran diferenza: crear ou reproducir o dado seguindo un patrón normativo que o profesor (de profetés: profeta) escolleu de antemán para ela. Mais penso que a mellor mostra da súa ledicia é o seu sorriso, por iso adxunto unha foto para que a vexas ti mesma."
Dame algo de reparo poñer fotos de menores en internet, de modo que decidín cortala, perdédesvos o guapa que é, pero vese o principal: o seu maravilloso sorriso, que é o mellor regalo que nos podía deixar!
Graciñas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario