Translate

mércores, 9 de setembro de 2015

A mellor recompensa ao noso traballo

No pasado festival de Pardiñas pasou polo posto Santi, un amigo, ao que aproveitei para pedirlle opinión sobre a idea da animación ao debuxo e a escritura para rapaces e rapazas.
Gustoulle e mercouno para regalarllo á súa sobriña. Asi que, abusando un pouco máis, díxenlle que me contara a súa reacción.
Que mellor que coñecer a opinión da destinataria final!

Reproduzo a continuación o comentario que me mandou Santi e anímovos a opinar, porque poderá haber múltiples opinións sobre o tema e todas son interesantes para min:

"Pois ben, como che comentara íache transmitir a opinión da miña sobriña sobre o conto. Dixo que lle gustara moito: "porque tiña que pensar" e porque "lle gusta escribir contos". Creo que di moito en tan poucas palabras. Na escola xa non existe practicamente espazo para crear algo propio, para atreverse a voar por un intre nun mundo de fantasía compartida, así que ela é quen de analizar esa gran diferenza: crear ou reproducir o dado seguindo un patrón normativo que o profesor (de profetés: profeta) escolleu de antemán para ela. Mais penso que a mellor mostra da súa ledicia é o seu sorriso, por iso adxunto unha foto para que a vexas ti mesma."

Dame algo de reparo poñer fotos de menores en internet, de modo que decidín cortala, perdédesvos o guapa que é, pero vese o principal: o seu maravilloso sorriso, que é o mellor regalo que nos podía deixar!
Graciñas!

venres, 28 de agosto de 2015

Festival da Polka en Mosteiro

Queremos invitarvos ao Festival da Polka, o sábado 5 de setembro, en Mosteiro (concello de Pol). Moi pretiño de Lugo.

ReciclArte e tallerdepolo estaremos alí cun posto, na feira de artesanía que acompaña ao festival.

Haberá actividades, títeres, teatro, xogos tradicionais e música todo o día, asi que a diversión está asegurada.

Vide!

luns, 24 de agosto de 2015

Feiras en Coruña e Gondomar

Esta fin de semana repartímonos entre o Mercado de Visións, na zona vella da Coruña, e a Feira de Artesanía e a Cervexa Artesá en Gondomar.
A pena foi que o tempo non acompañou (xa case non nos lembrabamos de como era unha treboada...) pero sustituímolo por calor humano.
Moitas grazas a todas e todos os que nos animades con comentarios tan positivos sobre o noso traballo. Encantadas de que vos guste!