Translate

luns, 16 de febreiro de 2015

Feira do caldo de ósos de Taboada

ReciclArte e tallerdepolo estiveron o pasado domingo de entroido na festa do caldo de ósos de Taboada.
Esta vez compartimos posto cos imprescindibles libros de Baladre.
Festa, música, degustación, produtos típicos e artesanía.
Moitas grazas ao concello pola boa acollida aos artesáns e artesás. E o meu agradecemento especialmente a Lucas e a súa familia por quentarme o estómago con ese caldo tan exquisito, típico da zona. Riquísimo!

venres, 13 de febreiro de 2015

Escolle as túas luvas

ReciclArte quere poñer á túa disposición unha ferramenta para que poidas ver en todo momento as luvas que imos creando.

Neste álbum tes as fotos. Si picas sobre elas podes velas mellor e saber si están dispoñibles e cales son as súas medidas aproximadas.

As que xa se venderon sirven para que te fagas unha idea de distintos modelos e poidas encargar algún que che guste máis. Non se poderá repetir exactamente igual, porque as lás adoitan variar cada tempada, pero pode servir de orientación.

Escríbenos a: reciclarte.lucia@gmail.com

Foto: Lola Tourón

xoves, 5 de febreiro de 2015

Obradoiro de luvas en Bico de grao

Obxectivos do obradoiro:
- Aprender a calcetar en redondo con 5 agullas 
- Facer as nosas propias luvas

Non se realizarán puntos complexos, unicamente elástico 1:1 e punto xersei, posto que o obxectivo é afacerse a calcetar con 5 agullas e aprender o modelo para facer luvas.

Requisitos:
- É necesario saber calcetar previamente con 2 agullas. 
- Para poder cumplir os obxectivos do obradoiro as/os participantes deberán completar traballo entre clase e clase na súa casa. Daránselles as indicacións necesarias. Para quen vaia con máis lentitude ofértanse posibilidades de ampliación do obradoiro (máis abaixo).

Materiais que debe aportar a persoa participante:
- Paquete de 5 agullas para calcetar en redondo (recoméndanse ao redor do número 4). 
- Lá do grosor correspondente ás agullas mercadas.

Duración do obradoiro:
Realizarase un día á semana durante 1 hora (prolongable a 1h e media) ao longo dun mes (prolongable ata dous meses).
As/os participantes poderán elixir o mínimo ou as prolongacións, en función da súa pericia ou coñecemento previo, para que poidan cumplir os obxectivos do obradoiro. Falarase o primeiro día e deixarase liberdade de elección a cada participante.

Custe do obradoiro:
- Para as persoas que cubran 1 hora semanal durante 1 mes, o custe será de 10 euros. 
- Para as persoas que cubran 1 hora e media semanal durante 1 mes, o custe será de 15 euros. 
- As persoas que queiran prolongar o obradoiro pasado o primeiro mes pagarán o mesmo no segundo mes proporcionalmente ao tempo empregado.

Necesidades mínimas para realizar o obradoiro:
Só se iniciará o obradoiro unha vez que se xunte un grupo mínimo de 4 persoas.

Lugar e datas:
Celebrarase no local de Bico de grao, na rúa das Fontiñas, nº 226, en Lugo.
Será os luns a partir das 19:30h.

Contacto:
Para máis información podes escribir a: reciclarte.lucia@gmail.com 
Para a inscripción no obradoiro contacta directamente con Bico de grao: bicodegrao@gmail.com, tlf.: 982807935.



luns, 2 de febreiro de 2015

Librería Gato Neghro

Podes atopar as nosas libretas e os contos na librería Gato Neghro, rúa San Roque, 32, en Lugo, un recuncho moi agradable onde sumerxirse con calma nos libros e demáis produtos que ofrece ou asistir a algunha das interesantes actividades que se programan de cando en vez.