Translate

luns, 5 de outubro de 2015

Obradoiro de luvas en Mil Cores

Iniciamos un novo obradoiro de calceta con cinco agullas para facer as túas propias luvas.

Esta vez será en Mil Cores, na Ronda das Fontiñas, 176, en Lugo.

Ten en conta que o último día para anotarte é o venres 16 de outubro.

Se non tes o material recoméndote a tenda de lás Sualá, na rúa Nova esquina coa Praza da Soidade. Ten un surtido de lás amplo e con moito gusto e tamén agullas e outros accesorios.

Para participar neste obradoiro é necesario saber calcetar xa con dúas agullas.
Pero se non é o teu caso e necesitas unha pequena iniciación escríbeme a este correo: reciclarte.lucia@gmail.com
porque máis adiante ofrecerei algún obradoiro de iniciación con dúas agullas.

Anímate! Será divertido e terás unhas bonitas luvas feitas por ti!

mércores, 9 de setembro de 2015

A mellor recompensa ao noso traballo

No pasado festival de Pardiñas pasou polo posto Santi, un amigo, ao que aproveitei para pedirlle opinión sobre a idea da animación ao debuxo e a escritura para rapaces e rapazas.
Gustoulle e mercouno para regalarllo á súa sobriña. Asi que, abusando un pouco máis, díxenlle que me contara a súa reacción.
Que mellor que coñecer a opinión da destinataria final!

Reproduzo a continuación o comentario que me mandou Santi e anímovos a opinar, porque poderá haber múltiples opinións sobre o tema e todas son interesantes para min:

"Pois ben, como che comentara íache transmitir a opinión da miña sobriña sobre o conto. Dixo que lle gustara moito: "porque tiña que pensar" e porque "lle gusta escribir contos". Creo que di moito en tan poucas palabras. Na escola xa non existe practicamente espazo para crear algo propio, para atreverse a voar por un intre nun mundo de fantasía compartida, así que ela é quen de analizar esa gran diferenza: crear ou reproducir o dado seguindo un patrón normativo que o profesor (de profetés: profeta) escolleu de antemán para ela. Mais penso que a mellor mostra da súa ledicia é o seu sorriso, por iso adxunto unha foto para que a vexas ti mesma."

Dame algo de reparo poñer fotos de menores en internet, de modo que decidín cortala, perdédesvos o guapa que é, pero vese o principal: o seu maravilloso sorriso, que é o mellor regalo que nos podía deixar!
Graciñas!

venres, 28 de agosto de 2015

Festival da Polka en Mosteiro

Queremos invitarvos ao Festival da Polka, o sábado 5 de setembro, en Mosteiro (concello de Pol). Moi pretiño de Lugo.

ReciclArte e tallerdepolo estaremos alí cun posto, na feira de artesanía que acompaña ao festival.

Haberá actividades, títeres, teatro, xogos tradicionais e música todo o día, asi que a diversión está asegurada.

Vide!